Lucas Roller Week 2026

Evento internacional de Inline Freestyle e Skate Cross celebrado o pasado 30 abril – 3 maio · Peirao de A Coruña

EN RECORDO DE

Lucas Seijo Fernández

Un ano despois da primeira edición, o espírito da Lucas Slalom Cup segue sendo o mesmo que lle deu orixe: manter viva a memoria de Lucas Seijo Fernández, un mozo patinador cuxo entusiasmo e valentía marcaron a todas as persoas que compartimos pista con el. Aquel fatídico día de setembro de 2024 detivo o tempo para a súa familia, amizades e para toda a comunidade do patinaxe. Lucas non regresou do seu paseo en bicicleta, pero deixou tras de si unha pegada tan profunda que hoxe continúa impulsando este proxecto.

Lucas amaba os deportes de rodas, e a súa enerxía contaxiosa era recoñecible polo seu inseparable casco de crista; en cada adestramento amosaba unha paixón sincera e unha disciplina pouco común para a súa idade. Campión Galego de Slides e de Speed, Subcampión de España de Salto, e cun futuro prometedor na súa modalidade favorita, os Slides, representaba o esforzo, a alegría e o compañeirismo que inspiran esta cita.

A edición de 2025 foi unha homenaxe chea de emoción, unión e deporte. Máis de catorce países reuníronse na Coruña para lembrar a Lucas co mesmo cariño co que el viviu cada xornada sobre patíns.

Este 2026, a data adquire un valor aínda máis simbólico: a Lucas Roller Week celebrarase coincidindo co que sería o seu 16º aniversario, do 30 de abril ao 3 de maio. Catro días para seguir construíndo comunidade, celebrar a vida e demostrar que o seu legado transcende as medallas e as clasificacións.

Porque en cada salto, en cada derrape e en cada sorriso compartido, Lucas segue presente.